viernes, 19 de abril de 2024

MUIÑEIRA DE RAQUEL - LECTURA E FAMILIAS - SALVAMENTO ACUÁTICO - FESTA HOLI - HOMENAXE A FINA CASALDERREY - DESPEDIDA DE MARTA

O vindeiro 16 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas no Carballal cunha chea de actividades: romaría con xogos de feira, canto e baile da canción "Poesía en silencio", lectura dunha biografía de Luísa Villalta, etc.

O profe Lucas tamén está a argallar un baile tradicional coa "Muiñeira de Raquel" para interpretar todos/as xuntos/as.

Aquí a tendes para poder practicala na casa!!!


O pasado mércores, 17 de abril, tivemos unha nova sesión no recuncho de Tambo do programa "Lectura e Familias" destinado ao alumnado de 4º de Educación Infantil coas nais de Alba e Grace como protagonistas.



Contáronnos contos de animais e ao remate fixémoslle un pequeno agasallo!!!


Esa mesma mañá tamén comezou a actividade de Salvamento Acuático destinada ao alumnado de 6º de Educación Primaria na Piscina Municipal que pertence á Área de Educación Física co profe Carlos.


Esta actividade demorouse até agora por mor das obras que se realizaron este curso na instalación e que por fin están rematadas.


O xoves 18 de abril, á tardiña, a ANPA "Viñas Blancas" organizou un evento interesante e divertido no patio exterior.



Tratouse unha Festa Holi e pasámolo xenial como podedes comprobar nestas instantáneas.



Esa tarde, na Praza da Ferrería de Pontevedra, inaugurouse cunha homenaxe, a exposición á nosa madriña de biblioteca: Fina Casalderrey.

Estará activa até o vindeiro 18 de maio.

Para rematar, o pasado venres, 19 de abril, despedimos á mestra de prácticas de Educación Infantil que pasou unha longa tempada xunto a nós.

Démoslle un fermoso agasallo de agradecemento polo seu labor no centro e collémola por sorpresa...


Ela tamén nos fixo uns regaliños... moita sorte na túa nova andaina, Marta!!!

viernes, 12 de abril de 2024

21 DÍAS EN GALEGO - SAÍDA Á GRANXA DE BRIZ - FÁBRICA DE IOGURES - BASE MUSICAL E LETRA DE "POESÍA EN SILENCIO"

O pasado xoves, 11 de abril, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega lanzou, por segundo ano consecutivo, a proposta: "21 días en galego".


Nela, preténdese fomentar e potenciar o emprego da nosa lingua en calquera ámbito, e por elo, seredes recompensados.

Debedes empregar o galego dentro da escola e encher o máximo número de casas dun cartón que se vos entregará. Ese cartón será selado por un mestre/a que considere que o merecedes.


O colofón desta actividade chegará o 16 de maio, data na que festexaremos no colexio o Día das Letras Galegas, dedicado a Luísa Villalta Gómez.

O número de casas cuberto poderá ser canxeado por comida ou entradas para xogos de feira ben divertidos que desvelaremos moi pronto... así que xa sabedes, tambeiros/as, falade galego e enchede o cartón todo!!!


Esa mesma mañá, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, tivo unha saída didáctica ben interesante.

O desprazamento fixémolo en bus e a pé nun día ben solleiro e a actividade comezou cunha ilustrativa charla de Richi e Alba.




Fomos á Granxa de Briz e fixemos un xogo de pistas organizado polo Concello de Marín que nos axudou moito a orientarnos mellor cun mapa e a coñecer a localización por medio das balizas.

Conseguimos comezar no punto de partida, seguir as balizas na súa orde e chegar novamente ao comezo!!!





O alumnado de 3º de Educación Primaria convertiu as súas aulas nunha fábrica de iogures, continuando coa actividade da saída didáctica a Clesa da semana pasada na que lles falaron da fermentación.


O venres, 12 de abril, degustáronnos mesturados con froitos secos, mel e froita.
Unha actividade ben interesante para traballar o PDI anual por medio da alimentación saudable.


Para rematar, deixamos a letra e a base musical da canción das Letras Galegas para que poidades ensaiala enriba coa vosa voz... premendo na seguinte instantánea de Luísa Villalta tocando o violín de noviña, poderedes practicar!!!


Tedes tamén aquí, dous ensaios coa rapazada de 3º de Educación Primaria e a canción completa coa voz do profe Víctor mentres non está gravada coas vosas.



viernes, 5 de abril de 2024

PROXECTOS AUDIOVISUAIS DO 3º TRIMESTRE - ACTIVIDADE PARA O DÍA DO LIBRO - SAÍDA A CLESA - FORMACIÓN CRICUT

Benvidos ao terceiro e derradeiro trimestre deste curso, tambeiros/as!!!

Como agasallo, logo destas vacacións, queremos presentarvos os avances nos tres proxectos audiovisuais que terán o seu produto final neste tramo do curso.

O primeiro deles é o relacionado co Día das Letras Galegas, que celebraremos no cole o vindeiro 16 de maio.

Coma sempre, instrumentamos un poema da homenaxeada deste ano: Luísa Villalta.

Aquí tedes algúns datos da súa biografía e obra.

En realidade, trátase de versos destilados de varios dos seus poemas... moi pronto teremos a canción coas voces da rapazada de 5º de Educación Primaria (Proxecto Competencial) xunto á súa coreografía e videoclip, para poder interpretala ao vivo.

Mentres, podedes aprender a letra e a melodía con este karaoke titulado: "Poesía en silencio".


O seguinte é un videoclip-homenaxe ao atleta marinense Manuel Rosales, que traeremos ao Carballal para facerlle unha entrevista radiofónica e rodar unha secuencia con el.

A canción versionada é "Salta" (Tequila) e xa podedes aprendela con este karaoke antes de que a rapazada de 3º de Educación Primaria grave as voces e rode: "Corre por Marín".


O terceiro proxecto é outra homenaxe á nosa madriña de biblioteca: Fina Casalderrey.

Consiste nun videoclip argallado pola rapazada de 6º de Educación Infantil a partir do poema "Ensalada de animais".

Durante este mes haberá unha exposición na Praza da Ferrería de Pontevedra pois, está nominada a dous premios internacionais.

Podedes escoitar xa a canción coas súas voces antes de rematar o videoclip.


Por outra banda, deixamos as normas da actividade que desenvolveremos para celebrar o Día do Libro (23 de abril), coa que elaboraremos un conto entre todas as aulas do colexio: "Unha e mil noites con Tambo".


Os colaboradores e colaboradoras de biblioteca xa explicaron esta proposta en cada aula o pasado venres, 5 de abril.


Se precisades máis axuda para a vosa creación, podedes consultar esta ligazón que nos mostra unha chea de opcións deseñadas polo profe Lucas.


O pasado xoves, 4 de abril, o alumnado de 3º de Educación Primaria gozou cunha saída didáctica a Caldas de Reis para visitar a fábrica de Clesa.



Pasáronno realmente ben aprendendo o proceso de produción e cada neno/a trouxo un agasallo por cortesía da empresa, composto por un conto e un lote de iogures.



Para rematar, o claustro de mestres e mestras, tivo a segunda e derradeira sesión de formación coa profa Laura sobre o emprego da máquina cricut, na tardiña do pasado martes, 2 de abril.

viernes, 22 de marzo de 2024

DÍA MUNDIAL DA POESÍA - CÓMIC DO MESTRE LANDÍN - LECTURA E FAMILIAS - PROGRAMA CIBEREXPERTO - BATALLA DE BAILE

O pasado xoves, 21 de marzo, celebrouse o Día Mundial da Poesía coa chegada da primavera.





No Carballal festexámolo cun feixe de poemas propios ("Portas Poéticas") que anegaron os nosos corazóns e as portas das aulas.





Todos os traballos grupais de aula participantes recibiron o seu diploma nunha das categorías e o profe Lucas compuxo un poema-homenaxe dende o Equipo de Biblioteca.












Tamén tivemos unha selección de libros infantís de poesía nos andeis da biblioteca.





Deixamos un fermoso traballo audiovisual que argallaron hai exactamente cinco anos os nenos e nenas que daquela cursaban 1º de Educación Primaria, no que recitaron unha serie de acrósticos, in situ, sobre as praias de Marín.






Por outra banda, o martes, 19 de marzo, o alumnado de 5º de Educación Primaria tivo unha sesión didáctico-musical no recuncho de Tambo coa presentación do cómic que vén de publicar o Concello de Marín (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística) sobre a figura do persoeiro marinense: Francisco Landín Pazos.

Axudoulles a traballar a temática do humor para coidar a mente que están a tratar dentro do PDI anual: "Pídecho o corpo - Healthy lifestyle".


Foi presentado polo gaiteiro Felipe Rea, que veu acompañada de Itziar Álvarez (Concelleira de Cultura) aos que lle demos un agasallo.

Non tiñamos nin idea de que a famosa canción "Xa fun a Marín" era de Francisco Landín!!!



Agora xa sabemos por que existe un instituto, unha rúa e unha escola de música na nosa vila que levan o seu nome.
O cómic está ilustrado por Celsius Pictor e ten a coordinación editorial de Era Comunicación.
O lema "Marín, non che hai terra coma ela" tamén corresponde ao Mestre Landín, máis coñecido polo alcume de "Charneco".


Deixámosvos aquí o cómic pendurado en formato audio-conto cunha pequena interpretación coa gaita de "Eu de Marín ausenteime", peza anónima que foi arranxada para voces por Landín.



O mércores, 20 de marzo, o alumnado de 6º de Educación Infantil acudiu á Escola da Galiña Azul de San Pedro para representar a obra de teatro: "A mosca chosca".



Tiveron moito éxito e, igual que a pasada semana no colexio, argallaron as carautas con vivas cores.



O pasado xoves, 21 de marzo, o alumnado de 4º de Educación Infantil tivo unha nova sesión na aula dentro do Programa "Lectura e Familias" con Beatriz e Alberto, nai e tío de Lucas.
Faláronnos da importancia das abellas na alimentación saudable, miramos un vídeo didáctico, ensináronnos o traxe de apicultor e un panal, trouxeron un bote de mel e puidemos tocar o pole coas nosas propias mans.



Logo, fixemos unha vela e déronnos unha chea de fermosos agasallos: unha cesta forrada con cera, marcapáxinas, pegatinas, etc.



Dentro da mesma iniciativa, esa mañá tamén estivo no Carballal, Mara, nai de Pablo, para narrar ao alumnado de 1ºB de Educación Primaria os catro contos de "Escuela de Monstruos" na aula.


Os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria remataron o venres, 22 de marzo, a súa formación de dúas semanas dentro do Programa "Ciberexperto", impartido pola Policía Nacional dende o ano 2016.


Para rematar, como despedida do trimestre, fixemos unha batalla de baile na derradeira sesión dese día, na que puidemos ver boísimas coreografías argalladas pola rapazada de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria das Viñas Blancas e na que se impoñeu a de 5º pola equidade de nenos e nenas, adecuación da letra da canción empregada e interpretación coordinada.


Tamén se entregaron os diplomas da batalla de baile anterior, celebrada no Entroido.




Moi boas vacacións de Semana Santa tambeiros/as!!!