martes, 25 de diciembre de 2012

Burato Segredo

Tambo deixounos unha nova canción que fala do burato segredo no que se esconderon cando escapaban dos piratas... 






BURATO SEGREDO

No soto do lar onde vive o calamar
existe un lugar tan fermoso que quixeron tapar.
Baleas, golfiños e sereas
botaron algas, pedras, area e corais.

Esqueceron facer unha porta para soñar.
Furaron un burato miúdo e outro grande de máis.
Na xuntanza da rocha segreda
acordaron que fora a serea quen de vixiar.

CANDO A PRAIA TE AGASALLE CUNHA CUNCHA
NON DUBIDES EN PEGALA Á TÚA ORELLA.
ESCOITARÁS O MECER DAS ONDAS DO MAR
O CANTAR DAS VERDES ALGAS CON ESCUMA…
DO BURATO SEGREDO

CANDO A PRAIA TE AGASALLE CUNHA CUNCHA
NON DUBIDES EN PEGALA Á TÚA ORELLA.
ESCOITARÁS OS ASUBÍOS DAS AREAS DE SAL
O SORRIR DOS CORAIS E O BAILAR ANIMAIS…
DO BURATO SEGREDO

Caracolas e peixes coloridos alí están
recorda que este anaco de ceo non debes estragar.
Cando existe algún perigo e o mar anda enfurruñado
se te sintes algo malhumorado el está do teu lado.

Todos temos un burato segredo no interior.
Descúbreo e verás que branca é a súa cor.
Non poderás falar doutra cousa
e sentirás que a ledicia sobre a túa vida repousa.



jueves, 20 de diciembre de 2012

INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA


Despóis do esforzo e cariño posto polo Equipo de Biblioteca no "Recuncho de Tambo" durante o pasado curso 2011-2012, xa podemos disfrutar deste espazo máxico adicado á lectura.
Como sabedes, por segundo ano consecutivo, fomos elixidos para disfrutar das facilidades que ofrece o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.
Grazas a el podemos falar desta nova realidade: temos novo mobiliario, novos fondos bibliográficos, equipos informáticos, nova ambientación, iluminación, etc.
Por outra banda, o profesorado do Equipo de Biblioteca está mellor formado grazas ó grupo de traballo desenvolvido no pasado curso.

A presentación tivo como protagonista á nosa mascota Tambo á que lle cantamos o himno oficial do seu recuncho ademáis doutra canción relacionada coa súa historia. Tivemos unha agradable sorpresa xa que coas cancións poidemos disfrutar dunhas animacións dinámicas feitas pola profe Laura.
Tambo demostrou ademáis as súas dotes como locutor e por primeira vez escoitámola falar.
A invitada de honra foi nada máis e nada menos que Fina Casalderrey quen engaiolou coas súas verbas a todos nos.
Recibiu un fermoso agasallo, asinou no libro de visitas e aceptou ser a nosa madriña de agora en diante.
Na xornada de tarde houbo xornada de portas abertas na biblioteca para pais, nais e alumnado.
Damos o noso agradecemente a tódolos invitados que asitiron doutros centros educativos e do Concello de Marín.
A disfrutar da biblioteca rapaces e rapazas!!

sábado, 8 de diciembre de 2012

FUXIDA

Xa temos unha nova canción acumulativa composta por Tambo... Imos escoitar!!




Un golfiño escapou dun tremendo chaparrón
Moi asustado a terra chegou
Fixo lume con carozos e as muxicas foron letras
Do Galego enguedellado quedou…
Para festexalo ficou en Portocelo
E vintecinco larpeiradas zampou
Trincou o lixo, guindouno ó caldeiro,
A praia cun feliz sorriso asubiou
Un golfiño escapou…

Unha serea escapou dun tremendo chaparrón
Moi asustada a terra chegou
Fixo lume con carozos e as muxicas foron letras
Do Galego enguedellada quedou…
Para festexalo ficou en Mogor
E vinteséis larpeiradas zampou
Trincou o lixo, guindouno ó caldeiro,
A praia cun feliz sorriso asubiou
Unha serea escapou…

Un pirata  escapou dun tremendo chaparrón
Moi asustado a terra chegou
Fixo lume con carozos e as muxicas foron letras
Do Galego enguedellado quedou…
Para festexalo ficou en Aguete
E vintesete larpeiradas zampou
Trincou o lixo, guindouno ó caldeiro,
A praia cun feliz sorriso asubiou
Un pirata escapou…


Unha medusa  escapou dun tremendo chaparrón
Moi asustada a terra chegou
Fixo lume con carozos e as muxicas foron letras
Do Galego enguedellado quedou…
Para festexalo ficou en Loira
E vinteoito larpeiradas zampou
Trincou o lixo, guindouno ó caldeiro,
A praia cun feliz sorriso asubiou
Unha medusa escapou…


Onza escapou dun tremendo chaparrón
Moi asustada a terra chegou
Fixo lume con carozos e as muxicas foron letras
Do Galego enguedellado quedou…
Para festexalo ficou en Lapamán
E vintenove larpeiradas zampou
Trincou o lixo, guindouno ó caldeiro,
A praia cun feliz sorriso asubiou
Onza escapou…


Tambo escapou dun tremendo chaparrón
Moi asustado na ría quedou
Fixo lume con carozos e as muxicas foron letras
Do Galego enguedellado quedou…
Para festexalo ficou facendo o morto
E trinta larpeiradas zampou
Trincou o lixo, gardouno no seu peto,
O mar cun feliz sorriso asubiou
Tambo escapou…





domingo, 2 de diciembre de 2012

DON TREBÓN

Tambo deixounos unha nova canción entrañable sobre un pastor chamado Don Antón e que se estamos ben atentos podemos escoitar os días de treboada.
Vouna escoitar!!



DON TREBÓN
Na Serra do Xurés vivía Don Antón,
un vello pastor apertado a un tambor.
Díxome un paxaro que os cativos aldeanos    
cantaban canda el por carreiros de mel…
Unha tarde coas ovellas, as cabuxas e o seu can
tirou cara o monte a ver sapos e curuxas…
Durmido quedou baixo a sombra dun carballo,
espertou abraiado con soños de orballo…
DUM, DUM ,DUM
O,O,O
NANANA NANANA NÁ
TAMBOR EN MAN
RECORRE O XURÉS
ENTRE O GANDO…
BICOS DE SAL
ONDE O ESCOITAS
NAMORA SEN MÁIS…
Don Antón esgotado xuntou a todo o gando,
baixou cara á aldea, seica ían trotando.
O camiño enlamado doulle un susto de noxo,
o verdello dun penedo foi e deixouno coxo.
Ese día un alcume a súa vida ía cambiar
e o vello Don Antón pasou  a ser Don Trebón.
Dende a cama aos cativos aínda segue a chamar,
o son do tambor chega ata o mar…

viernes, 2 de noviembre de 2012

"PIRATA INFORMÁTICO"

Xa temos unha nova canción composta pola tartaruga Tambo para a nosa biblioteca.
Atopeina hoxe detrás da porta do seu recuncho.
Esta vez decidiu inspirarse nos piratas que pescan golfiños na Ría de Pontevedra.
Ó parecer, un destes piratas, é Pedro "o chosco"... seguro que sabedes ben quen é porque aparece tódalas noites para contaxiarnos o sono.
Eu estouna escoitando e parece un tema moi divertido e con moita marcha.







PIRATA INFORMÁTICO

Son “Pedro o chosco”, pirata informático.
Doulle ben ao mosto nun barco telemático.
Non levo carné, navego pola internet.
Cos golfiños fago puré na páxina web…

As miñas gafas de sol son do que non hai.
Descargo as capturas nun pequeno pen drive.
Se dou cunha moto sen pensalo monto.
¡Non fagades caso din que teño moito conto!

CHEGO Á NOITIÑA E DESPÓIS DE XANTAR.
SON CHUMBO NOS TEUS OLLOS, XA ESTÁS A BOCEXAR.
BRAZOS PARA ARRIBA E TAMÉN UN PÉ…
¿LOITAS COMIGO SEN TOMAR CAFÉ?

CHEGO Á NOITIÑA E DESPÓIS DE XANTAR.
SON CHUMBO NOS TEUS OLLOS, XA ESTÁS A BOCEXAR.
LAVA BEN OS DENTES E PON O PIXAMA…
¡NON SEXAS BURATEIRO E LISCA PARA A CAMA!

Son “Pedro o chosco”, pirata actual.
Sen marcas no rostro boto crema facial.
Sen pata de buxo, vanme os caramuxos.
¡Aparta do medio muxo que estás moi delgaducho!

Ir de compras é o meu hobbie, falo polo móbil.
Meu can chámase Tobi, merqueino en Chernobyl.
Teño moza no Chat e non me deixa en paz.
Gato en inglés dise cat… ¡Entérate rapaz!


domingo, 14 de octubre de 2012

NOVO HIMNO PARA A NOSA BIBLIOTECA


Esta semana levamos unha agradable sorpresa ó dar cun cd que estaba enriba da mesa de catalogación da nosa biblioteca...
Ó lado, había unha nota na que poñía que no cd poderiamos escoitar unha canción composta para o conto da tartaruga Tambo e que sería o himno desta biblioteca. Ademáis da canción, topamos algunha sorpresa...
Quedamos abraiados cando comprobamos que todo é obra da propia tartaruga.
Polo que temos entendido é moi probable que de cando en vez faga máis contos e cancións así que debemos estar ben atentos...
Premendo no video que tendes debaixo destas letras podedes escoitar a canción e ver a animación dinámica. Se ides un pouco máis abaixo podedes seguir a letra.
A disfrutar rapaces e rapazas!!




Nunha illa moi lonxana, naceu o amigo Tambo.
Foi en busca de troula; paseniño ía medrando.
Topouse cun contiño que quixo entender,
precisaba dun golfiño que lle ensinara a ler…

Unha noite coñeceu outra garrida tartaruga
e xuntos entraron no carreiro da aventura...
Subiron ás montañas pra poder ver o mar.
Albiscaron uns golfiños e baixaron a rodar… (BIS)


T   AMBO, MEU AMIGO...
A   MÓSATE QUE IMOS LER.
M   IRA ESA ILLA POLA FIESTRA
B   EN SABES QUEN É…
O   OOOOOOOOOOOOOOOOOO… (COROS)


             Sobre un coche a Marín chegaron sen alento.
             En Portocelo unha serea levounos mar adentro.
                    Os piratas pescaban golfiños con cebo,
                    salváronos e foron a un burato segredo…

                   Escachou de súpeto un trebón de medo,
                   Tambo amedrentou e quedou moi quedo...
                   Agochou para sempre: patas, cabeza e cola!
                   Coma unha alfaia a nosa Ría decora... (BIS)

viernes, 1 de junio de 2012

A BIBLIOTECA XA ESTÁ REFORMADA

A primeira entrada deste blogue tiña unha serie de fotos do estado da biblioteca ó comezo deste curso escolar. Despóis de moito traballo xa temos a nova biblioteca. Déixovos unha serie de fotos para que poidades degustar o cambio. Dentro de moi pouco faremos a inauguración. Preparádevos para disfrutala.
Biquiños a todos/as!







martes, 24 de abril de 2012

CONTACONTOS SOBRE ANIMAIS CO GALLO DO DÍA DO LIBRO

http://www.edu.xunta.es/centros/ceipdocarballal/galeria/displayimage.php?album=85&pos=0

Dende o enlace que tendes sobre estas liñas podedes ver as fotografías da sesión de contacontos adicada ós animais que se celebrou no Recuncho De Tambo co gallo do Día Do Libro e que estivo destinada ós nenos e nenas do segundo e terceiro nivel de Primaria..
Espero que vos gusten!!





miércoles, 18 de abril de 2012

ROLDA DE PRENSA DA VIDEOCONFERENCIA CON MAR DE PLATA


Aquí tendes a rolda de prensa e unha pequena reportaxe da videoconferencia de onte.
Espero que vos guste!!!


viernes, 13 de abril de 2012

VIDEOCONFERENCIA INTERNACIONAL DENDE A BIBLIOTECA


O vindeiro martes día 17 de abril, os nenos e nenas do Terceiro Ciclo de Primaria teremos unha videoconferencia co alumnado dun colexio arxentino.
A conexión será dende o Recuncho de Tambo e esperamos que se desenvolva con éxito, xa que as probas realizadas estes días, foron positivas.
A actividade está dentro dun programa patrocinado pola Fundación Telefónica chamado "Escolas Amigas".
A este acto asistirá algún representante da Xunta de Galicia e será televisado pola TVG.

CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO CON CONTACONTOS


Este ano celebraremos o Día do Libro cunha sesión de contacontos destinada ó segundo e terceiro nivel de Primaria. Será no Recuncho de Tambo ás 12:30 da mañá.
A temática xirará en torno ó mundo dos animais, que son o eixe central do noso Plan Anual de Biblioteca.
Non vos esquezades que este día tan sinalado é o 23 de abril.
Saúdos a todos/as!

TAMBO POR MARC TAEGER


¿Estou guapa neste debuxo?
É o retrato que me fixo o fantástico ilustrador Marc Taeger despóis da sesión de contacontos que tivemos o pasado día 10 de abril e na que disfrutamos moito escoitando o conto "Garavanciño" na voz de Olalla.
Aprendemos a facer un debuxo a partires dun puntiño que de seguro nos axudará nos traballos que fagamos na clase.
Biquiños a todos/as!

SESIÓN DE CONTACONTOS "A MALETA MÁXICA"


O mércores 11 de abril de 2012 tivemos unha marabillosa sesión de contacontos organizada polo Concello de Marín titulada "A Maleta Máxica".
Esta actividade estivo destinada ós nenos e nenas de 5 anos e do primeiro nivel de Primaria.
O monitor e máis a monitora que a dirixiron atopaban no interior dunha maleta máxica unha serie de contos ("A mosca chosca", "O mono máxico", "A ratiña Inés"...) e personaxes que nos fixeron disfrutar moito.
O máis divertido foi cando participamos cantando e actuando coma se foramos piratas nun castelo.
Esperamos ter unha nova sesión con estes mozos tan divertidos.

viernes, 23 de marzo de 2012

SESIÓN DE CONTACONTOS CON OLALLA GONZÁLEZ E MARK TAEGER


O vindeiro martes día 10 de abril de 2012 disfrutaremos dunha sesión de contacontos para os nenos/as de Educación Infantil (3 e 4 anos) a cargo de Olalla González (veciña do noso concello de Marín) e Mark Taeger (ilustrador do libro-disco Tic Tac).
A actividade será ás 11:30 da mañá no recuncho de Tambo.
Déixovos a carta que nos enviaron estes días:





viernes, 3 de febrero de 2012

HIMNO DO RECUNCHO DE TAMBO

Este vai ser o himno da nosa biblioteca. É un tema de Pablo Díaz titulado "O Libro" do seu disco "Tic Tac" que todos/as coñecedes.
Podedes escoitalo premendo no seguinte video.




SESIÓN DIDÁCTICA CON ABRAHAM CARREIRO

Hoxe tivemos unha sesión didáctica co ilustrador Abraham Carreiro que semellou ter, alomenos, a mesma calidade artística có seu pai, o famoso debuxante Pepe Carreiro, autor dos Bolechas. Esta é a primeira actividade importante da biblioteca para este curso 2011-2012. A sesión estivo dirixida ó alumnado de segundo e terceiro ciclo de Primaria. Nela aprendemos a debuxar animais de forma sinxela, práctica e efectiva. Ó final deixounos un fermoso agasallo: a súa propia versión de Tambo, a nosa mascota de biblioteca. Podedes ver eiquí as fotografías e algúns dos nosos debuxos.


 

miércoles, 1 de febrero de 2012

INAUGURACIÓN DO NOSO BLOGUE



O Equipo de Biblioteca do C.E.I.P. do Carballal da por inaugurado este blogue por medio desta entrada.
Pouco a pouco iremos colgando novas entradas nas que poderedes ver información xeral da biblioteca, recomendacións literarias, fotografías, actividades desenvolvidas e moitas sorpresas máis.
Nestes momentos estamos a restaurar a nosa biblioteca e estaremos pechados por un tempo, pero dentro de moi pouco faremos unha presentación para toda a comunidade educativa.
Haberá unha distribución nova dos espazos, teremos unha zona habilitada para ordenadores, novos fondos bibliográficos, mobiliario e moita decoración.
Podedes ver nestas fotos o estado actual da biblioteca.
Cando estea lista poremos unha galería actualizada para que poidamos ver a diferencia 
Ata pronto amiguiños/as!!